No antigo matadoiro e carnizaría municipal situouse a finais do s. XIX a primeira fábrica da luz, converténdose así Pontevedra na primeira urbe galega con alumado eléctrico público no ano 1888. O avance, promovido polo empresario José Riestra, non estivo exento de polémica. Por unha banda, a instalación era cara, e ademais de ter que pagar o recibo mensual, as persoas abonadas tiñan que custear as lámpadas, o cableado... E por outra banda, producíronse numerosas protestas veciñais polos ruídos que xeraba a fábrica da luz, así como apagamentos, canalladas e sabotaxes. En 1909 a vella central foi substituída por La Hulla Blanca de Nores, Salgado e Cía., que instalou a súa sede na rúa de Sagasta e un gran transformador nas proximidades do hospital.
Diversos foron os usos aos que se destinou desde entón a Casa da Luz: mercado cuberto de froitas e legumes, xulgado, local para bailes públicos, caixa de aforros e monte de piedade, sede do sindicato de produtores de sementes, local do servizo municipal de augas e sede da Policía Local.
Trala súa remodelación en 2010 converteuse nun espazo dedicado fundamentalmente á promoción da capital. É centro de recepción de visitantes e alberga nas súas dependencias a sede do organismo comarcal Terras de Pontevedra (que agrupa á capital e mais os concellos de Ponte Caldelas, Vilaboa, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cotobade e Poio), a empresa municipal Turismo de Pontevedra, a Film Commission e as concellerías de Turismo, Emprego e Xuventude da cidade.
Praza da Verdura s/n
36002, Pontevedra
Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42.433794
Lng: -8.647608
© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados