Acompáñanos polos excelentes ambientes urbanos de Pontevedra que inclúen historia, cultura, lecer, paisaxe e ese encanto especial que posúe o antigo. Construída coa paciencia do paso dos séculos, esta "boa vila", coas súas deliciosas rúas e prazas de nomes gremiais repletas de edificios da arquitectura culta e popular, posúe un dos centros históricos máis fermosos e mellor conservados de Galicia.
Nos últimos tempos converteuse nunha cidade peonil onde vale a pena dar longos paseos, descansar nos seus parques e prazas e gozar dunha tapa, un café ou unha copa en calquera das súas animadas terrazas.