O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é unha cita anual co mundo dos libros que se espera, séntese e vívese de xeito singular na cidade. Os libros son os protagonistas absolutos deste proxecto cultural que procura que nenos, nenas, mozos e mozas se acheguen de xeito cálido, ameno e instrutivo á literatura.
Exposicións, mostras, intervencións artísticas, obradoiros, cursos, conferencias, encontros, homenaxes a autores, presentacións de libros, actuacións teatrais e musicais ou sesións de contacontos constitúen un abano das diferentes actividades nas que se implican centros de ensino, institucións, colectivos de todo tipo e mais cidadáns e cidadás de todas as idades.
A primeira edición do Salón do Libro celebrouse en 1999, en resposta á iniciativa dun grupo de persoas que devecían por organizar un espazo de encontro, conversa, intercambio e lecer, entre o mundo dos libros e o mundo dos lectores e lectoras máis novos. Desde entón, foi medrando non só en actividades, espazos e visitantes, senón tamén en importancia e proxección, ao converterse nun dos referentes deste sector en todo o estado español e, pola singularidade dalgúns dos seus aspectos, nun dos máis interesantes de Europa.
Desde os seus modestos inicios, o Pazo da Cultura de Pontevedra sempre foi a sede do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Edición tras edición, este moderno edificio, construído na beira do río Lérez, engalánase coas mellores prendas literarias e un universo de autoras e autores, profesionais do ensino, da ilustración, da edición, da crítica, das librarías, das bibliotecas, do xornalismo e, ante todo, lectoras e lectores.