Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, é un proxecto cultural pioneiro e exclusivo na península, creado en Galicia cunha singular aposta cultural: trazar un mapa común entre os territorios atlánticos a través da música, dos ritmos e dos sons que comparten raíces e orixes comúns.
Cantos na Maré é unha iniciativa de aproximación de culturas e do fomento da diversidade, da interacción e da apertura de oportunidades á creación artística e ao intercambio. É unha oportunidade de expansión da nosa música e da nosa cultura e impulsa a construción colectiva nun mercado internacional.
Con Uxía na dirección artística e Paulo Borges na dirección musical, trátase dun espectáculo único e irrepetible, desenvolto conxuntamente por un grupo de artistas que comparten escenario por primeira vez e deseñan en común un repertorio exclusivo para a ocasión. Comparten as súas experiencias no Pazo da Cultura de Pontevedra, sede do festival, chegados de destinos tan distintos e distantes como Cabo Verde, Angola, Portugal, Brasil, Mozambique, Guinea Bissau e Galicia.
Cantos na Maré é unha proposta de aproximación de culturas, unha ponte que permite un coñecemento mutuo liberado de prexuízos e conta cunha clara vocación de expansión e divulgación da cultura galega no contexto da lusofonía e alén del.