Despois da integración da Gallaecia no Imperio Romano, procedeuse á construción dunha serie de vías de comunicación que a unisen comercialmente co resto da Península. Unha destas calzadas, a vía XIX, unía os tres principais núcleos administrativos galaicos: Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga). En Pontevedra, esta vía cruzaba o río Lérez. A mansió Turoqua (unha pousada para viaxeiros) emprazábase nas proximidades do lugar que ocupa hoxe a ponte do Burgo, en pleno centro histórico da cidade. Foi tempo despois cando se decidiu edificar unha nova ponte para salvar a canle do río. Estas dúas construcións foron decisivas para que se fose conformando un núcleo habitado. O achado en 1988 na cabeceira sur da ponte dunha columna miliaria, dedicada no ano 137 ao emperador Hadriano, confirma o paso da calzada romana polo lugar.