O Camiño Portugués Central (tamén coñecido como do Interior) é o máis utilizado e documentado dos itinerarios xacobeos portugueses; parte desde a capital lisboeta e remonta o país luso de sur a norte pasando, entre outras, polas localidades de Alverca do Ribatejo, Santarém, Golegã, Tomar, Alvaiázere, Rabaçal, Coimbra, Mealhada, Águeda, Porto, São Pedro de Rates, Barcelos, Ponte de Lima, Rubiães e Valença do Minho, xa na fronteira. Entra en Galiza pola localidade pontevedresa de Tui, desde onde continúa cara a Compostela pasando polo Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón.
Desde Lisboa a Santiago hai aproximadamente 600 km de peregrinación que poden cubrirse en vinte e catro días a unha media de 25 km diarios. Desde Porto redúcense os quilómetros a 240 e fan falta dez xornadas e desde Tui son case 118 km que poden realizarse en cinco ou seis días.
O Camiño Portugués conta cunha gran tradición histórica, fomentada polo apoio recibido da antiga coroa lusa, que documentou peregrinacións a Compostela desde o século XI. Da importancia que tivo desde a Idade Media esta vía dan fe, non só os múltiples escudos, símbolos e tallas xacobeas que atopa o camiñante ao seu paso, senón tamén as lendas e tradicións atribuídos ao apóstolo en favor dos peregrinos a Santiago e de todos aqueles que con fervor lle imploran nun gran perigo. Hai escritos populares que din que foi no Camiño Portugués onde se empezou a utilizar o símbolo da vieira. Fálase dun cabaleiro que saíu do mar cuberto de cunchas entre Porto e Vigo. Ou a famosa lenda do galo de Barcelos, que salvou a un peregrino da forca.
Centrándonos no percorrido galego, de todos os camiños xacobeos é probablemente un dos que menos desnivel ten. Dispón de moi boa sinalización, moitos aloxamentos dispoñibles e, posto que o trazado apenas toca zonas despoboadas, ofrece aos peregrinos numerosas opcións de lecer e servizos que facilitan o día a día. A andaina brinda tamén unha destacada bagaxe monumental e unhas vistas paisaxísticas de gran beleza.
Na páxina web do Camiño de Santiago pódese consultar o itinerario completo desde Tui, con información moi completa.
O Camiño Portugués agárdate. Bo camiño!