Aumenta-lo tamaño do texto Voltar ó tamaño orixinal do texto Reduci-lo tamaño do texto

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

« »
 

Cunha grande expectación social que supera todas as previsións da comenzo PONMO

Carlota Román considera que PONMO é un éxito, mesmo antes da súa inauguración oficial





Todo listo para que bote a andar Pontevedra Moda (PONMO). A cita celebrarase na capital pontevedresa entre este xoves, día 26, e o sábado, 28, coa presenza dunha vintena de deseñadores e a implicación de preto de medio centenar de empresas procedentes non só do téxtil, senón dun amplo abano de sectores.

 

A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, anunciou hoxe a programación completa dun evento que se estrutura ao redor do desfile inaugural ("alimentado" por cinco deseñadores formados en Pontevedra), o concurso para novos deseñadores Mara Martín PONMONOVO e a pasarela máis comercial: PONMO (na que participarán as firmas expositoras no "showroom" do evento). Ao tempo haberá actividades complementarias, entre as que destacan desfiles na rúa, un ciclo de conferencias e a colaboración dos hostaleiros locais, que lanzarán unha tapa e un cóctel durante esta fin de semana.

 

PONMO chega tamén cunha vertente solidaria, pois as entradas ao "showroom" e as conferencias (con importe voluntario) serán doadas á fundación Meniños a través da colaboración de Supermercados Froiz e farmacia Herreros. Carlota Román agradeceu o esforzo do grupo de mozos pontevedreses responsables do impulso a esta iniciativa e tamén do elenco de empresas que se sumaron a un proxecto que ten crecido moi por enriba das expectativas. A concelleira engadiu que xa se pode afirmar, mesmo antes da inauguración, que PONMO é un éxito. Xustificouno pola cantidade e calidade das propostas que se poderán ver nas pasarelas e no "showroom" e tamén pola enorme expectación popular que está a suscitar.

 

Non obstante, dixo ter unha sensación agridoce porque non será posible entregar invitacións a todas as persoas que xa están a preguntar por elas. Explicou que os compromisos coas autoridades e o amplo número de firmas participantes, patrocinadoras e colaboradoras, xunto cos deseñadores presentes, absorben boa parte do aforo.

 

Deste xeito, indicou, só será posible repartir un reducido número de entradas entre o público que se achegue á Casa da Luz nos próximos tres días. As entradas para o desfile inaugural (Liceo Casino) repatiranse mañá xoves, entre as 17 e as 19 horas. As entradas para o certame Mara Martín PONMONOVO (Recinto Feiral), o mesmo venres, entre as 10 e as 12 horas. E para a pasarela PONMO (Recinto Feiral), o mesmo sábado, entre 10 e 12 horas. Os interesados deben acudir á Casa da Luz. As invitacións serán repartidas por orde de chegada e cun máximo de dúas entradas por persoa. Carlota Román anunciou que a súa intención é que PONMO continúe en anos sucesivos e, de ser así, barállase ampliar substancialmente o aforo.

 

Este evento, engadiu, finánciase principalmente con diñeiro público e debe estar aberto aos cidadáns. Lamentablemente, recalcou, o Recinto Feiral quedóusenos pequeno. A totalidade da superficie será ocupada polo "showroom" (a parte feiral de PONMO, e que agrupa a 30 expositores) e o espazo destinado á pasarela. Para o ano próximo haberá que estudar solucións, repetiu. De tódolos xeitos, Carlota Román animou ás persoas interesadas a visitar o "showroom" e a asistir ás conferencias.

 

O importe da entrada é voluntario, destacou, e ten un fin solidario. Ademais, engadiu, as coleccións que integrarán o desfile final PONMO estarán aí expostas. A concelleira agradeceu a intensa colaboración do comercio local e das agrupacións empresariais da cidade, o que fai posible organizar desfiles na rúa durante as xornadas do xoves e venres. Agardou que non haxa que suspender nada en función da choiva. Congratulouse tamén pola implicación da hostalería local.

 

Grazas a isto haberá festa final das dúas pasarelas en varios pubs, degustación da tapa PONMO a un prezo de 1,50 euros (coa colaboración de Pescamar) e mesmo un cóctel PONMO. Finalmente, lembrou o esforzo por incrementar a proxección nacional de PONMO coa presenza de persoas famosas, vinculadas ao mundo da moda. Xa está confirmada a Princesa de Bulgaria Carla Royo-Villanova e estase a traballar para incorporar a outra personalidade. Todo elo grazas á colaboración da firma ALALÁ Alta Costura.

Visit Pontevedra