Aumenta-lo tamaño do texto Voltar ó tamaño orixinal do texto Reduci-lo tamaño do texto

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

Visit Pontevedra - Turismo Pontevedra

Pontevedra, a capital das Rías Baixas

« »
 

Volve PontedeTapas coas mellores propostas gastronómicas de Pontevedra

A concelleira de Turismo Carlota Román presenta o concurso, que inclúe un sorteo de espectaculares viaxes




Gozar da calidade urbana da cidade de Pontevedra, saborear unhas deliciosas tapas e gañar unha viaxe para dúas persoas a Punta Cana está ao alcance de calquera. Basta con participar na cuarta edición do certame PontedeTapas, que a concelleira de Turismo de Pontevedra, Carlota Román, vén de poñer en marcha ata o próximo domingo, 3 de xuño.

O certame foi presentado na Casa da Luz pola concelleira e a directiva da Asociación de Hostaleiros de Pontevedra (Hoaspo).

Desta volta participan 53 hostaleiros locais que tentarán gañar o padal do consumidor con propostas do máis diferente. O prezo mantense en 1,50 euros, polo que o éxito parece garantido. Os clientes que enchan o cupón de votación e o depositen nas urnas habilitadas nos locais adheridos participarán no sorteo de 15 premios moi atractivos: os tres principais son senllos viaxes para dúas persoas de 8 días de duración a Punta Cana, Madeira e Tenerife, respectivamente. Hai cinco fins de semana en casas de turismo rurais, catro "Menús da ría" (o programa gastronómico impulsado por Turismo de Pontevedra en varios restaurantes da cidade) e tres cheques-regalo no comercio local por un importe aínda por determinar.

Carlota Román destacou o crecemento que PontedeTapas está a ter nas súas sucesivas edicións. Así, da primeira, celebrada en 2010 e na que participaron 26 establecementos, pasouse a 43, 47 e agora, nesta cuarta entrega, a 53 locais. Mentres, o número de tapas creceu de 9.000 a 27.950 e 35.000 unidades, sucesivamente. O obxectivo agora é alcanzar a cifra das 40.000.

A concelleira de Turismo destacou que o obxectivo de PontedeTapas é dobre: por un lado promocionar a cidade (está acreditado que un bo número dos clientes chegan doutras cidades) e, por outro, apoiar ao sector da hostalería-restauración. De feito, calcúlase que a terceira edición produciu un movemento económico dun mínimo de 105.000 euros.

O certame chega cunha forte presenza na Internet e nas novas tecnoloxías. O portal web xa está operativo no sitio www.pontetapas.es, onde se atopan as bases do concurso e irá incorporando novidades nos próximos días. Reactívanse os perfís de Facebook e Twitter, aproveitando o potencial dos fans e followers que xa teñen rexistrados. Ademais, a cartelería incluirá código QR para a localización dos locais adheridos.

A Concellería de Turismo dotará a cada local dun cartel con fotografía da súa tapa, cupón de votación, urna rotulada e folleto da ruta de tapeo. Finalmente, estanse a producir 30.000 posavasos específicos da campaña que serán repartidos entre os establecementos.

Salvador Santiago destacou o esforzo dos hostaleiros pontevedreses por apoiar esta cuarta edición de PontedeTapas, na que, a pesar da crise, hai unha suba no prezo de inscrición que pagan os locais. Pasan de 80 a 90 euros. Este pequeno aumento dá pé a unha maior aposta pola calidade e cantidade dos premios aos clientes, que soben de 11 a 15.

Santiago quixo agradecer o compromiso da concelleira de Turismo, Carlota Román, que fai posible a organización e, sobre todo, a viabilidade económica deste certame pensado para a promoción da hostalería local.

Finalmente, anticipou que xa se está a traballar no PontedeTapas de inverno, que será entre finais de novembro e principios de decembro.
Visit Pontevedra