Turismo de Pontevedra nas feiras turísticas



Turismo de Pontevedra inicia unha intensa xira polas principais feiras turísticas de España

A empresa municipal Turismo de Pontevedra inicia unha potente xira de promoción da cidade nos principais eventos turísticos que se celebran en España. Durante este mes de marzo nas presentacións organizadas por Turgalicia en diferentes puntos de España e terá presencia tamén en eventos tan especializados como a Feira de Cascos Antigos turísticos, a SITC de Barcelona ou Expovacaciones de Bilbao.

As dúas primeiras destas presentacións xa se celebraron o 1 e o 3 de marzo en Alicante e Murcia. Deseguido será a quenda de Terrassa (22 de marzo) e Palma de Mallorca (24 de marzo). Asemade, no mes de abril participarase nas presentacións de Santa Cruz de Tenerife (5 de abril) e Las Palmas de Gran Canaria (7 de abril).

O concelleiro de Turismo, Julio Castela, considera que a través da asistencia a este tipo de eventos conséguese unha importante presencia en obradoiros profesionais e se establecen contactos moi valiosos coas axencias de viaxes, tanto minoristas como maioristas, dos mercados de orixe, dando a coñecer toda a oferta e recursos do noso destino. Estas presentacións están enfocadas exclusivamente a profesionais do sector turístico.

Por outra banda, Turismo de Pontevedra participará en diferentes feiras turísticas ao longo deste ano.
A primeira participación de Turismo de Pontevedra tivo lugar no mes de xaneiro en FITUR en Madrid.
A partir de agora, Turismo de Pontevedra participará entre os días 17 e 20 de marzo na FICAT 2011 "Feira de Cascos Antigos Turísticos" que terá lugar na cidade de Cáceres. Durante estes catro días presentaranse os recursos e a oferta turística do Concello de Pontevedra, tanto a profesionais do sector turístico como ao público xeral. Na pasada edición da FICAT acudiron ó evento 25.000 visitantes.

Así mesmo, Turismo de Pontevedra terá presenza na SITC de Barcelona e en EXPOVACACIONES en Bilbao, dúas das principais feiras turísticas nacionais, que na última edición recibiron 200.000 e 270.234 visitantes respectivamente.

No mes de setembro, Turismo de Pontevedra asisitirá a Feira Internacional de Turismo Cultural e City Break de Málaga, que é a única cita do segmento cultural e de escapadas a nivel nacional, que cerrou a súa última edición con 9.000 visitantes.

Por último, no mes de novembro Turismo de Pontevedra asistirá a INTUR en Valladolid que na súa última edición incrementou as visitas de profesionais e de público nun 2% chegando ós 43.000.

04/03/2011